← Todos os traballos

Colectivos profesionais · Formación · Xestión cultural

Crear Pontes. Encontros sobre residencias artísticas.

Crear Pontes. Encontros sobre residencias artísticas.

Por que necesitamos falar de residencias artísticas hoxe?

As xornadas Crear Pontes foron un espazo de encontro e reflexión entre profesionais da creación, da xestión cultural e da investigación, centrado na análise das residencias artísticas como motores de innovación, colaboración e transformación cultural e social.

Memoria Crear Pontes Residencias Artisticas 2025_.pdfDescargar PDF • 6.86MB
 

Nun momento no que as prácticas culturais se reinventan continuamente e os territorios buscan novos modelos de innovación social, as residencias artísticas convertéronse nunha das ferramentas máis sólidas para activar creatividade, diálogo e futuro.

En Galicia, o seu desenvolvemento foi desigual pero crecente, e territorios como o Concello de Ponteareas están a dar pasos firmes para consolidar un modelo propio, situado e transformador.

As xornadas Crear Pontes nacen precisamente da necesidade de abrir un espazo de encontro profesional para pensar colectivamente como deseñamos, sostemos e conectamos as residencias artísticas no noso contexto.

Trátase dun foro pensado para profesionais da creación, da xestión cultural, da investigación e das administracións públicas que queren avanzar cara a modelos máis sólidos, cooperativos e innovadores.

Por que estas xornadas?

As razóns son claras e responden a tres movementos de fondo:

1. A expansión das residencias como sistema de apoio á creación

Tal e como sinalan múltiples estudos internacionais, as residencias non son só espazos de produción: son dispositivos de investigación, encontro, profesionalización e vinculación co territorio.

A súa diversidade é enorme —interdisciplinares, temáticas, rurais, urbanas, comunitarias, nómades— e require criterios robustos para deseñar modelos adaptados á realidade galega.

2. A necesidade de fortalecer redes e evitar illamentos

Moitas iniciativas nadas nos últimos anos comparten desafíos: continuidade, financiamento, gobernanza, mediación, relación co territorio ou visibilidade.

A creación de redes profesionais non é un luxo, senón unha condición para garantir sustentabilidade e impacto. Crear Pontes procura facer realidade ese diálogo.

3. O impulso do proxecto ArtisTea en Ponteareas

O Concello de Ponteareas vén de impulsar un espazo de residencia artística cunha vontade clara de ser modelo público-comunitario, interdisciplinar e enraizado no territorio.

As xornadas forman parte do proceso estratéxico de consolidación: abrir a conversa, escoitar o sector, compartir aprendizaxes e incorporar miradas externas que acompañen a definición do modelo.

Por que estes temas?

O programa das xornadas estrutúrase arredor dos grandes focos detectados no Informe de Modelos de Referencia, no Plan de Acción e na Proposta de Programación 2025–2026 do plan eatratéxico realizado por XENEME para a residencia Artistea do Concello de Ponteareas.

Cada bloque responde a desafíos reais e recorrentes no ecosistema galego e internacional:

► 1. Modelos e tipoloxías de residencias

Expóñense clasificacións comparadas —finalidades, duracións, enfoques disciplinares, gobernanza— para ofrecer unha linguaxe común.

Un paso imprescindible para debuxar un modelo propio e evitar improvisacións.

► 2. Gobernanza, xestión e sustentabilidade

Nun sector onde conviven xestión institucional, modelos mixtos, estruturas asociativas e formatos independentes, é fundamental analizar vantaxes, riscos e requisitos de cada opción.

As xornadas abordan ferramentas para evitar a precarización, garantir continuidade e planificar a medio prazo.

► 3. Relación co territorio e cos públicos

Tomando como referencia o marco de Jaume Colomer e o modelo DARC, preséntanse estratexias para implicar comunidade, construír públicos, activar participación e traballar con parroquias, centros educativos e tecido social. Porque sen territorio non hai residencia.

► 4. Profesionalización e acompañamento artístico

Debátese como deseñar programas de mentoría, acompañamento técnico, procesos curatoriais, seguimento e avaliación.

Unha residencia é máis que un espazo: é un ecosistema de coidado e aprendizaxe.

► 5. Redes, mobilidade e internacionalización

Desde ResArtis ata as redes galegas e estatais, as residencias operan nun contexto global onde a circulación de artistas, ideas e metodoloxías é clave.

Este bloque analiza boas prácticas e oportunidades reais para conectar Ponteareas co exterior.

Como se estruturaron as xornadas?

A estrutura deseñouse para combinar pensamento, práctica e diálogo profesional:

Conferencias marco

Ofrecen unha visión panorámica: tendencias internacionais, modelos de residencias e claves para deseñar proxectos sostibles.

Mesas de diálogo

Reúnen profesionais de distintas traxectorias: artistas, xestoras, investigadoras, responsables institucionais ou iniciativas independentes. O obxectivo é contrapoñer experiencias e identificar desafíos compartidos.

Dinámicas participativas

A través de dinámicas guiadas, trabállanse preguntas estruturantes sobre gobernanza, públicos, acompañamento, financiamento e impacto. Non se trata só de escoitar, senón de construír visión común.

Visita e sesión en Ponteareas

A segunda xornada, desenvolvida no propio espazo de Artistea, permitíu coñecer o lugar, activar a conversa in situ e incorporar directamente a realidade local ao diálogo profesional.

Por que deberías asistir?

Porque estas xornadas non son un congreso máis, son unha oportunidade única para:

  • comprender onde estamos e cara onde vai o ecosistema das residencias artísticas en Galicia;

  • coñecer modelos e metodoloxías que melloran a calidade dos proxectos;

  • participar nunha comunidade profesional que está a medrar e que precisa puntos de encontro;

  • contribuír ao deseño dun proxecto público pioneiro en Ponteareas, cunha perspectiva aberta, interdisciplinar e comunitaria;

  • tecer redes que poden derivar en alianzas, coprogramacións, residencias compartidas e novos camiños profesionais.

Crear Pontes é, en última instancia, un convite a pensar xuntas como queremos desenvolver a creación contemporánea desde Galicia: con rigor, con sensibilidade, con cooperación e con visión de futuro.

Este proxecto desenvolveuse en rede con:
Tania González Martínez
Museo de Pontevedra – Deputación de Pontevedra.
Concello de Ponteareas