← Todos os traballos

Comunidades de aprendizaxe · Innovación social

LDM Synths Community

LDM Synths Community

Unha comunidade de aprendizaxe e creación colectiva arredor das músicas electrónicas.

A LDM Synths Community é moito máis ca un grupo de persoas interesadas nos sintetizadores: é unha comunidade de aprendizaxe viva, impulsada desde o Local de Música de Pontevedra e acompañada por XENEME, que desde o ano 2023 experimenta novas formas de crear, aprender e compartir coñecemento arredor das músicas electrónicas.

O proxecto xorde a partir dunha convocatoria aberta en 2023 para persoas con inquedanzas no eido da síntese sonora, a experimentación e a creación musical con medios tecnolóxicos.

Desde esa primeira chamada, comezou a tecerse un modelo de traballo relacional, horizontal e colaborativo, onde a aprendizaxe se entende como un proceso compartido entre iguais.

Unha comunidade que medra co tempo

Entre 2023 e 2025, a comunidade foi consolidándose en dúas etapas complementarias:

  • Primeira etapa (2023-24): 

    • un grupo inicial, integrado maioritariamente por persoas cun alto nivel técnico e artístico, sentou as bases do proxecto a través de encontros abertos, sesións de experimentación e posta en común de coñecementos.

    • A partir deste núcleo xerouse unha metodoloxía de traballo centrada na colaboración, a aprendizaxe mutua e a produción artística colectiva.

Segunda etapa (2024-25): 

  • o proxecto ampliouse a novas persoas con niveis de experiencia moi diversos. Isto deu lugar a unha dinámica máis estable e inclusiva, onde a comunidade se configurou como un espazo de iguais a iguais, combinando aprendizaxe técnica, exploración creativa e acompañamento entre pares.

O Festival Senda 2025, celebrado en Pontevedra, marcou un fito importante neste proceso: foi o primeiro momento de visibilización pública da comunidade, con participación directa de varios dos seus membros e unha mostra do potencial artístico e colaborativo do grupo.

Un modelo aberto de cultura participativa

A LDM Synths Community representa unha aposta clara pola democratización da cultura e dos dereitos culturais, situando a práctica musical como un medio para xerar vínculos, aprendizaxe e participación activa.

Inspirada no modelo de comunidades de aprendizaxe, a iniciativa asume que o coñecemento é un ben compartido e que todas as persoas poden ensinar e aprender ao mesmo tempo, independentemente da súa formación previa.

Esta filosofía tradúcese en:

  • Diálogo e participación horizontal, sen xerarquías.

  • Aprendizaxe práctica e colaborativa, baseada na experimentación.

  • Cultura de coidado e acompañamento, onde cada participante achega o seu ritmo e intereses.

  • Creación artística colectiva, entendida como unha extensión da aprendizaxe compartida.

Un ecosistema de proxectos e prácticas

A comunidade non é un espazo illado, senón un ecosistema conectado con outras iniciativas impulsadas desde o Local de Música e por XENEME:

  • Jam de sintetizadores de Pontevedra, encontros abertos de improvisación e exploración sonora.

  • Cacharage Against the Machine, evento irmán celebrado na Unitária (Santiago de Compostela), que combina performance, cultura maker e experimentación colectiva.

  • Obradoiros de iniciación, centrados no coñecemento dos sintetizadores e a exploración das músicas electrónicas como ferramenta creativa e expresiva.

Estas accións configuran unha rede de aprendizaxe expandida que articula arte, tecnoloxía e participación cidadá.

Metodoloxías e aprendizaxes

Cada sesión é, en esencia, un laboratorio: un espazo de investigación e creación compartida onde as ideas se testean, se constrúen e se transforman colectivamente.

Entre os principais logros destaca a capacidade de articular un grupo diverso e sostible no tempo, capaz de autoorganizarse, xerar proxectos e contribuír ao desenvolvemento dunha nova cultura electrónica local.

#LDMSynthsCommunity, #LocaldeMúsicadePontevedra, #XENEME, #comunidadesdeaprendizaxe, #sintetizadores, #músicaelectrónica, #culturaparticipativa, #innovaciónsocial, #dereitosculturais, #aprendizaxecolectiva, #Pontevedra, #Galicia.